Carretando é un proxecto horizontal que parte dunha premisa básica: facer un xornalismo interpretativo, lento e traballado, tomando como base a política galega e novos formatos narrativos cos que poder experimentar.
A iniciativa tamén aproveitou as sinerxias da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC); falando en prata, para o nacemento de Carretando foi vital que se xuntaran nun mesmo espazo xente con intereses comúns, accesibles na cotiandade universitaria e cunha perspectiva do xornalismo compartida.
O grupo inicial, configurado a partir da coordinación de Adrián Vázquez, foi consolidando e ampliando a análise primixenia: era necesario cubrir un oco dentro do panorama do podcasting galego que aproveitara a conexión entre xornalismo alternativo e politoloxía para achegar coñecemento. Non para competir entre dous perfís e eidos profesionais, senón traballar xuntos.
Así, o equipo de xornalistas, composto por Román Varela, Adrián Vázquez, Pablo J. Rañales e Carmen del Río Ferreiro mesturouse cos politólogos da actual autocaravana Yannick Juncal e Julio Iglesias, tamén estudantes na USC. Unha unión que permitiu chegar ata aquí.
Carretando medra. Pasa de ser un podcast que abrumou e ilusionou pola súa acollida a unha plataforma colaborativa. Medra a idea, medra o espazo e medra tamén o equipo, coa incorporación da xornalista Lorena Iglesias coma creadora de contidos e social media manager das nosas redes sociais. Mantense, iso si, unha visión da política dende a complicidade, dende a construción e a reflexión por enriba da destrución e a competición.
Un proxecto que loita, ademais, contra as circunstancias xeracionais que nos rodean: o abismo dun mercado laboral case sempre en solitario e unha esfera mediática que precisa dun xornalismo máis conectado que nunca coa interpretación, a veracidade, a lentitude e a análise. Un xornalismo comprometido coa subxectividade e a honestidade, sexa coa narrativa que sexa, no formato que sexa.
carretandogalpolitik@gmail.com
carretandogalpolitik@gmail.com