Alberto Núñez Feijóo e o bloque histórico dos anos vinte

Feijoo aterra en Madrid
Feijoo aterra en Madrid
Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email
Autoría

Adrián Vázquez

Mestrado en Medios, Comunicación e Cultura pola universidade Autónoma de Barcelona. Interesado na interacción entre os medios, as institucións e a sociedade. De Arteixo.
O presidente da Xunta de Galicia chega a Madrid entre a aclamación popular e a incerteza das súas teses políticas

Prever escenarios políticos e posibles resultados non é tarefa sinxela. A política posmoderna, como as nosas relacións persoais, profesionais e comunitarias, é moito máis líquida e voluble do que o foi en décadas anteriores. Deste xeito, calquera análise do futuro de Alberto Núñez-Feijóo na capital do imperio a anos vista das eleccións xerais nunca poderá ser concluínte. Non obstante, a cartografía política do Estado español creado no 1978 encara un esgotamento que, parece,  non se poderá resolver cos malabarismos discursivos ós que o Presidente da Xunta de Galicia nos ten acostumados.

As institucións españolas transitan por un momento de reacción a unha década de vontade democratizadora —cuxo cumio foi o 15m— e o aumento das demandas plurinacionais en distintos territorios, cun momento álxido tamén moi claro e moi marcado no imaxinario político da cidadanía: o referéndum catalán do 1 de outubro. A estes dous elementos podemos engadir a crise de lexitimidade da monarquía asediada pola corrupción e caracterizada pola perda de apoio entre a mocidade.

Vox é fillo desta reacción. O partido de extrema dereita populista e neofascista precisa da reacción e alimenta a mesma como tamén o fan as súas forzas irmás en Europa. Non obstante, Vox, a diferenza doutros movementos reaccionarios, provén do interior do Estado. De feito, lonxe de ser anti-establishment, como intenta semellar,  é a quinta-esencia do propio establishment. 

“Os cadros da ultradereita neofranquista están formados por xuíces en excedencia,  avogados do Estado, mandos do  exército na reserva, auditores de contas ou catedráticos…, a maioría dos que toman a palabra no Congreso en nome de  Vox, a pesar de que entraron na  política tras longas carreiras profesionais, non cobraron doutro lugar que do erario en toda a súa vida. Cada oliva que se comeron na súa vida pagouna  Leviatán. E a maioría do resto do grupo, os que se presentan como  emprendedores ou autónomos, tiveron como contratista principal á administración ou traballaron en sectores regulados. Son a expresión perfecta do sistema Estado  —o que preexiste á democracia—, de común  timorato e directamente en pánico desde 2015, que sente comprometida a súa supervivencia ante calquera intento de modernización política.”, explica o xornalista Pedro Vallín no seu libro C3PO en la corte del rey Felipe.

Esta reacción do estado profundo intensifica iso que tantos analistas denominaron como franquismo sociolóxico; un concepto que fai referencia á persistencia dalgúns dos valores “tradicionais” do fascismo e do franquismo: a exaltación esaxerada da patria, a relixión e a familia. Ese xeito de entender España transmitiuse a sectores da dereita aos que pertence, por exemplo, a familia política do  expresidente Aznar. Toda esta posición política foi acuñada por Manuel Vázquez Montalbán como “o nacionalcatolicismo sen franco”.

Os ecos da ditadura nunha parte da sociedade española proveñen da transición, onde —a diferencia de Portugal, por exemplo— non se rompeu co fascismo. A dereita portuguesa, antes de ser tan neoliberal como a nosa, foi antifascista, namentres que en España, o Partido Popular foi quén de integrar (e templar) ó fascismo no seu interior. Manuel Fraga Iribarne vestiuse de galeguista e Aznar chegou a reivindicar o legado político de Azaña con gran éxito electoral. 

Isto último acontecía nun momento no que as principais forzas políticas do Estado (e penso que a maioría da poboación) aceptaba os consensos e compartían unha mesma idea do Estado. Jordi Pujol, representando ó catalanismo, e o PNV apoiaban (e incluso reivindicaban) a Juan Carlos I, pactaban co bipartidismo e excluían da dirección do Estado á esquerda do Partido Socialista. Non obstante, aínda que (na crista da onda da burbulla neoliberal) todo parecía que funcionaba, o 15m evidenciou a existencia dunha crise orgánica á que aínda non se lle deu unha resposta inequívoca.

As eleccións de 2015 derrubaron a idea do bipartidismo imperfecto. As urnas ditaron un claro mandato democrático: que se constituíra un goberno semellante ó que agora temos. Isto, penso, non é demasiado debatible pese a emerxencia dun partido creado dende arriba para pactar co bipartidismo (Ciudadanos) e os defensores da gran coalición PPSOE (entre os que estaba Feijoo, por certo). Repetición electoral tras repetición electoral os electores demostraron que querían un goberno próximo ao da actualidade en forma e fondo. Pero claro, iso non podía ser para as elites políticas e económicas do Estado; como ían ter algo que dicir na dirección do Estado aqueles que estaban excluídos da mesma dende a articulación do marco constitucional? 

A crise de lexitimidade da monarquía.

O discurso de Felipe VI logo do referendum catalán certificou a adhesión da monarquía ó bloque reaccionario. O Rei do Estado non apelou ó consenso nin ó entendemento entre bloques, senón que ligou a continuidade e a lexitimidade da institución monárquica ó exito da reacción.

Porén, a votación da investidura sedimentou institucionalmente os bloques, formados anteriormente coa foto de Colón e o discurso de Felipe VI o 3 de outubro, do escenario político dos anos 20’ que rematará, presumiblemente no 2030 co cincuenta aniversario da Constitución española. E no que se debaterán dúas vías para resolver a crise orgánica do Estado: reforma ou reacción.

A reacción é defendida por un bloque encabezado por Vox ó que se uniu o Partido Popular de Pablo Casado e Ciudadanos. A estratexia de Vox no plano nacional é alimentar o franquismo sociolóxico poñendo o foco na derogación de leis como a da memoria histórica ou a da igualdade de xénero (prioridades absolutas para o seu candidato en Castela e León, por exemplo) e reivindicando o fin do Estado das Autonomías coa clara aposta por un modelo de España aínda máis centrado, no simbólico e no institucional, en Madrid.

Ante o crecemento deste monstro, que engule todos os consensos que marcaban a dirección do Estado, o Partido Popular intentou seducilo e volver a integrar aos seus electores no seu interior. Non obstante, Vox despraza o sentido común cara a dereita e engule calquera iniciativa de consolidar unha formación conservadora máis centrada e europea (signfique o que signfique este termo). Senón que llo pregunten a Albert Rivera ou ó propio Casado. A única forma de conseguir recuperar os votos de Vox é parecer máis de Vox que os de Vox, como fixo e fai Díaz-Ayuso na comunidade madrileña.

Doutro lado está o bloque da reforma. Un grupo de partidos que comparten un imaxinario político de España antagónico ó ‘nacionalcatolicismo sen franco’. Apostan pola plurinacionalidade do Estado, respectan as linguas cooficiais, son laicos e algúns defenden abertamente a necesidade de dirixirse cara unha república federal. Aínda que lle pese, o PSOE (que se encontra desubicado ideoloxicamente nestes aspectos) é quen encabeza este bloque, seguramente porque non lle quedaba outra se quería evitar o sorpasso do Podemos de Pablo Iglesias.

Estas forzas políticas, que ata o de agora xogaron cunha forza limitada no marco constitucional do 1978, acadaron no 2015 un grao de apoio electoral suficiente para influír nas decisións que marcarán o rumbo do Estado e conseguiron levantar o veto á súa inclusión nas institucións nacionais. Algo que a dereita segue sen admitir; precisamente o propio Feijoo pronunciou declaracións nas que afirmaba que o goberno actual se apoia en forzas que non creen en España. E o certo é que non é que non crean no Estado, senón que queren construír unha España que se pareza un pouco máis a eles e menos á España do centralismo madrileño que agora coñecemos.

Tanto o propio PSOE como o PP foron reticentes a formar parte dun bloque porque certificarían, a medio prazo, a morte do réxime do 78. As eleccións de Castela e León confirmaron que o Partido Popular, por moito que cambie de líder, ten que escoller o seu lugar e surfear entre un mar de contradicións. Os populares apóianse en varios gobernos municipais e rexionais en VOX e o seu principal activo mediático (que marca o rumbo do actual momento populista) asume e calca o discurso da forza de ultradereita. 

A presidenta da Comunidade de Madrid, que controla o relato do Estado a través do reparto de cuantiosas subvencións ós medios de comunicación con sede na capital (que centrifugan a actualidade e a espallan cara a mal entendida periferia), fai tempo que escolleu o bloque reaccionario. A día de hoxe, coa sombra da corrupción sobre as súas costas, deixará marxe a Feijóo mentres se fai co control orgánico da formación política na Comunidade de Madrid, mais parece demasiado inocente pensar que se contentará con iso e non intentará liderar a estrutura nacional do partido nun futuro relativamente próximo.

Feijóo terá varios meses para confrontar con Pedro Sánchez e, na súa liña, para tenderlle a man en cuestións de Estado como a renovación do Poder Xudicial. Potenciará a súa imaxe de home de estado e non cabe dúbida que saberá capear a Vox moito mellor do que o facía Pablo Casado. Mais no momento da verdade, terá que escoller: ou o seu partido se desprende do apoio de Vox nos distintos territorios (co risco electoral e mediático que iso supón) e encara un proceso de entendemento coas forzas nacionalistas, rexionalistas e provinciais que restablezan pontes para pactar reformas na constitución nun claro sentido —federalismo, descentralización de institucións e relato, desconcentración de recursos, etc; ou aposta por asumir que gobernará con Vox (ou como Vox) admitindo que se producirá unha regresión nos dereitos democráticos, no recoñecemento das diferentes identidades enmarcadas no Estado e un aumento insalvable do distanciamento entre ambos bloques.

Se alguén pode tourear esta situación a un lado e a outro, dicindo unha cousa e a contraria está claro que é Alberto Núñez Feijóo. Non obstante, penso que nesta etapa política as vacilacións que amosou nos seus trece anos como presidente da Xunta de Galicia non serán suficiente para resolver este enorme problema político.


Queres ampliar máis o teu coñecemento sobre o Partido Popular galego? Temos un episodio perfecto para os teus ouvidos!

elipses

Apostamos polo xornalismo participativo

elipses

Apostamos polo xornalismo participativo

1 comentario en “Alberto Núñez Feijóo e o bloque histórico dos anos vinte”

  1. Pingback: Feijóo surfeará as excelsas augas madrileñas | Carretando

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

carretandogalpolitik@gmail.com

carretandogalpolitik@gmail.com