Feijóo surfeará as excelsas augas madrileñas

O liderado de Núñez Feijóo vaise complementar ben co de Díaz Ayuso. // Foto: Eduardo Parra (Europa Press)
O liderado de Núñez Feijóo vaise complementar ben co de Díaz Ayuso. // Foto: Eduardo Parra (Europa Press)
Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email
O presidente recuperará as claves do 2009 para triunfar novamente

A Feijóo pódelle ir ben na aventura madrileña porque é Feijóo. Aquí podería rematar este artigo, non hai xa máis nada para discutir. Pero Carretando exixe algo máis e poido defender esta postura máis alá de querer que lle vaia ben alá, porque iso significara telo lonxe do goberno do país. Non por nós, senón por el, que vai na procura da liberdade que só lle pode outorgar Madrid.

Fóra xa desta intro propia de “la retranca gallega”, Feijóo logrou entender o que era España porque así llo explicaron desde a súa capital desde que aterrou en Compostela nos remotos dous mil e algo. Para Feijóo España é quedar ben en cada territorio ao que vai; di o que queren ouvir. Territorio soa mal, pero é como definía quen ocupaba o espazo de Podemos ao que había máis alá de Madrid. O malo é prometer un referéndum en cada territorio, cousa que resulta un imposible nesta España. Porén, defender en cada territorio que son os mellores e que os galegos aprendemos moito deles, como dixo no mitin que desfrutei en Barcelona, é moi doado.

Dicirlle a Madrid que é a «terra da liberdade» e que por iso queres volver alí, logo de gobernar máis dunha década Galicia, pode parecer incompatible. Non obstante, dicilo e petar un mitín ao día seguinte no mausoleo do teu sucesor no Gaiás é o máis «feijooniano» que se verá nunca. O «Feijóo eres un fenómeno» ou o «además de bueno eres honrado» trasladaron ao noso flamante presidente á súa zona de confort. Porén, como fan os que deben pedir a baixa para seguir traballando, o seu é saír da zona de confort. Alberto tomou exemplo para saír do —mal chamado— “balneario galego” para ir dar uns baños ás excelsas augas madrileñas. Nesas augas se baña agora. Uns días surfeando e outros mergullándose. Xa o fixo ata o de agora, mais aquí, en Galicia, non debemos ter cámaras submarinas.

Con todo, de momento, é maior o tempo que pasa por riba que por debaixo da auga. E iso é grazas ao seu flotador, Mar, e ás súas táboas, IDA e MAR. Todos o salvan do naufraxio nesta nova aventura. Quero pensar que Feijóo sabe o que fai e tamén a quen lle toca torear. A prensa madrileña, como algunha da galega, aínda que por desgraza en menor medida, pode sobrevivir sen subvención. Malia iso, é probable que o nerviosismo de Feijóo poida asociarse facilmente co “gallego” Rajoy e xa estarían excusadas as súas meteduras de pata.

E por iso, ao dos Peares lle vai ir ben. A el só se lle pide que reunifique un partido roto, aínda que unha desgraciada guerra en Europa nolo fixera deixar en segundo plano. Malia que no PP unha das almas estea moribunda, a de Ciudadanos, hai outras que rexurdiron e hai que pegar con super glue. Un super glue feito en Galicia. Noutra das grandes actuacións a acometer, o equipo Feijóo ten que poñerlle simplemente rumbo e modelo a un partido que deambulaba. O dos populares é un partido que resiste todo. Tiñan como bandeira a resiliencia antes de que se puxera de moda coa pandemia. Porén, non resiste sen un líder que marque un rumbo que, aínda que tamén deambule un pouco, teña claro o destino: a Moncloa. E diso sabe moito Núñez Feijóo. Xa nolo amosaba cuns anos menos no lombo, engominado e con mocasíns e mangueira en man. Alcanzar o poder a calquer prezo. Xa o verán en Madrid.

Non teño claro que Feijóo vaia ser presidente do Goberno. Incluso que vaia ter sorte como líder do PP estatal. Pese a iso, si creo que vai ser capaz de facer de pegamento e que xurda outro liderado autonómico ou municipal potente do seu perfil, preferiblemente feminino. Que logre cousas máis interesantes para a forza conservadora. Ese debería ser o grande cometido de ANF. Descartada Ayuso, baixo o meu punto de vista relegada a seguir sendo unha Esperanza Aguirre mellorada, pero sen seguir convencendo máis alá da M-30, poden ser outras as persoas válidas para pelexar contra Sánchez.

Mais, como “bo gallego”, como dirían na capital, gústame apostar tamén pola outra posibilidade. Estamos nun contexto no que se pide un líder que “deixe de lado os sectarismos” para abordar os desafíos deste país. O que antes se exixiu de Albert (Rivera), hoxe pódeo cumprir Alberto sen despeitearse. Un líder que desperta expectación, que sorprende a alleos e extraños, que proxecta o ideal de país que boa parte dos cidadáns pretende alcanzar. Unha especie de reunificación estatal na súa persoa logo dos convulsos anos do 15M, a abdicación real ou o referéndum.

Porque, pecando de simplista, Feijóo foi capaz de reunir baixo o seu paraugas a boinas, birretes, cidadáns, centristas e feixistas. Para reunificar a dereita, quen mellor ca alguén á quen nunca se lle desligou ninguén do seu do proxecto? A Galicia bilingüe. Que fala inglés e español. Que lle fala galego ós vellos e que as fins de semana os vai ver á aldea. A Galicia diglósica de “mi madre es Galicia y mi padre Madrid”. A Galiza que quere algo máis. A Galicia, Galicia, Galicia de ANF e equipo.

o PPdeG de Feijóo foi capaz de resistir con maiorías absolutas a convulsa e cambiante política estatal.

Durante os seus trece anos de goberno, o PPdeG de Feijóo foi capaz de resistir con maiorías absolutas a convulsa e cambiante política estatal. // Foto: Twitter @FeijooGalicia

Por outra parte, a miña teoría considera que, malia o desliz de Casado de convocar eleccións en Castela e León antes de tempo e en horas débiles, no resto de territorios nos que o goberno é conservable ou alcanzable, o PP vaino poder facer cunha fórmula similar á de Madrid. Con Vox, pero sen Vox. Feijóo é perfecto para compensar o efecto ayusiano. Viuse no mitin desta semana na capital. Eu falo para os de fóra, ti falas para os da casa. Así, compensando de local e visitante, vanse complementar estes dous perfís tan resaltables na dereita española. Porque, ao contrario do que expón o meu amigo Adrián Vazquez no seu artigo neste mesmo espazo, eu creo que non van competir entre si. Sen maior problema, vaise aliar o trumpismo madrileño co laissez faire galego para vencer.

Fálase moito do Feijóo xestor en modo despectivo, sobre todo mirando á Xunta e á súa década de goberno. Non obstante, a imaxe de xestor cúmprea á perfección. Para min é coma un estudante de ADE recén graduado que busca traballo. Alberto é un CEO. Tanto che pon a andar a Xunta ou o PPdeG, coma a sede en Génova. Un CEO non sabe moitas cousas, case nada. Aínda así, sabe que dicir, cando dicilo e a quen dicilio. Iso é o máis importante para un proxecto que se vía orfo na deriva casadista. E se cun Casado próximo a Vox tocaban ca punta dos dedos a Moncloa, que non pode facer un Alberto potente cun liderado claro?

E máis cuns populares que, parece, están #preparados para falar de cuestións de Estado, aínda que de momento se sigan facendo os tolos. Castela e León é o mal menor. Vós poñede axenda que, total, os dereitos que queredes limitar son cousas do Estado central. “La culpa es del Gobierno”, que nos dicía Alberto pola TVG ou La Voz. «Feijóo culpa a» vai ser a conta triunfal de Twitter que non fixo ninguén mentres estaba en Galiza. Ou se alguén a fixo, a Madrid non chegou e, polo tanto, non existe. Balóns fóra e votos para as urnas.

Vox non ten proxecto de país. Vox é un voto de castigo, pero vontade de construír ten pouca. Quere marcar —e marca— a axenda. Pero non lle vexo potencial máis alá. Viuse ca inexistente oposición ao PP durante a súa crise interna. Vox non sabe que facer sen mamá, e mamá diralle que facer cando esta precise que lle achegue as ferramentas para poñerse a traballar. Vox é dos que prefire pedir ca facer, senón xa o veremos nesa mesma Castela e León no que resta de lexislatura. A ultradereita o que tiña era un proxecto gañador. Se votas Vox triunfas, se votas Casado es un pelele. Iso co novo PP non vai pasar: os populares poden chegar á Moncloa e non hai nada máis apaixoante para alguén de dereitas que sentirse gañador.

En definitiva, Feijóo vai triunfar en Madrid. Só se lle pide que pacifique o partido e que semente un proxecto de futuro. No día dous do PPgate, quedou clara a posición de Feijóo. Un talento á alza como Ayuso non se pode desperdiciar, e máis se confías en poder domesticalo. Polo que parece, IDA  marca os tempos. Veremos o que di a investigación xudicial en curso. Polo momento Feijóo está “preparado” e xa lle deu á súa rival, de facto, o que quería: o poder en Madrid. Almeida, tamén polo momento, é mero decorado e alcalde de Madrid. A Feijóo, o que di que chove máis que non chove aínda que «había nieve», non lle van caer os aneis coas contradicións. Chegou á presidencia do PPdeG e da Xunta como chegou. Aguantou a Jácome e a Baltar, delimitando o seu espazo cunha especie de voadura controlada, e resistiu ata hoxe. Así vexo a Feijóo en Madrid, aplicando o “manual de resistencia” e logrando os seus cometidos.

Namentras, queda na Galiza un BNG que non sabe se mirar o pasado cas gafas de Ana ou cas gafas duns señores que quedaron anclados nos oitenta. Como compañeiro de ruta, un PSdeG que non sabe se ser o PSC que bailaba con indepes ou o que se quedaba na barra da discoteca e só lle menaba un pouco a cabeza mirando a Madrid. Para o ben de Galiza, agardamos un «benegAna» e un PSC que bailen ao que solte o pan, mais un pan galego que xere beneficio no país. Senón, no país gobernará unha especie dun PPdeG e un VoxdeE. E se iso acontece, o que vivimos nesta década foi un mero tráiler.

No noso país gustamos máis do xénero músical bailable. As Tanxugueiras amosaron o camiño. Ana y los del PSdeG, coma Ana y los Siete (xa que só aspiran a gobernar nas sete cidades), amosarán o novo camiño. Mentres, Feijóo, tocará a súa música en Madrid. Chotis amuñeirado, símbolo do éxito. Ou así nolo van contar.


Queres ampliar máis o teu coñecemento sobre o Partido Popular galego? Temos un episodio perfecto para os teus ouvidos!

elipses

Apostamos polo xornalismo participativo

elipses

Apostamos polo xornalismo participativo

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

carretandogalpolitik@gmail.com

carretandogalpolitik@gmail.com