Xacobeo 21-22: o mito que queremos contar ó mundo?

Coa narrativa turística actual, proliferan cada vez máis espazos burbulla; unha distancia marcada por un abismo entre a poboación galega e os peregrinos, cada un cos seus lugares, obxectos e experiencias de consumo. // Foto: Gunnar Ridderström
Coa narrativa turística actual, proliferan cada vez máis espazos burbulla; unha distancia marcada por un abismo entre a poboación galega e os peregrinos, cada un cos seus lugares, obxectos e experiencias de consumo. // Foto: Gunnar Ridderström
Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email
Autoría

Pablo J. Rañales

Xornalista mugardés, do 99 e autor de Siervos de Tinta. Fillo de Fabi e Juan. Traballo na comunicación institucional do Concello de Ares.
Unha narrativa cefalópada e hexemónica que ocupa todo o espazo

Pensei por primeira vez na capacidade de expansión do Xacobeo cando pasei por diante dun Froiz. Aí, xusto na esquina coas ofertas actualizadas e máis chamativas, estaba o logotipo X21-22. A partir dese día, o relato obtivo para min unha condición nova: a de narrativa viral, tan complexa e xigante que é case coma un deus,  ubicua e sacra.  Atópase nas paradas dos buses, nas carpetas, nas producións audiovisuais, nos infinitos eventos culturais e ata nos adhesivos das botellas de auga.

Que exista unha Xacopedia, unha sorte de enciclopedia aglutinadora do trasfondo deste plan político-cultural, da boa conta da súa expansión; un órgano tan vivo, case industrial, que precisa de recompilacións e dun contexto. Coma zoomer, a miña lembranza do anterior Xacobeo 2010 é limitada (flashbacks: Benedicto XVI e o papamóbil por Xoán XXIII; Santiago repleta, vibrante, colas longuísimas para atisbar aínda que fora só a roupa do pontífice), e quizais por iso na miña cabeza o relato é tan primixenio coma o propio camiño. Semella que leva toda a vida connosco. 

Durante a documentación do podcast da segunda tempada, empregamos coma base de traballo o Plan Estratéxico do Xacobeo 21-22. Acceder a el é presenciar de maneira explícita unha análise interesante da propia narrativa: onde está, cara onde vai, cal é a súa utopía. Reconectar coas xeracións máis novas é un dos seus retos, mais eu, cando penso no Xacobeo, só podo atisbar un Camiño de Santiago estacional, sempre narrativamente máis preocupado polo exterior que polos efectos interiores do relato. 

Falei algunha vez deste asunto con bos amigos: o máis impactante que está a facer o Xacobeo coma discurso é desenvolver unha certa homoxeneización estética e cultural de Galicia, tanto na imaxe pública que se proxecta internacionalmente coma dentro do tecido social dos nosos espazos. Todo é Camiño, e dende logo é unha narrativa con tanto peso que subxuga consciente ou inconscientemente outros relatos que representan unha idiosincrasia local. Despois de todo, o Camiño e o Xacobeo coma industria —así dicía o seu ideador Portomeñe: a terceira industria despois da Citroën de Vigo e Inditex— conlevan a proliferación de tendas xenéricas con souvenirs repetitivos e un turismo desligado dos espazos polos que transita, inmerso nunha burbulla peregrina. 

É complicado que o Xacobeo actual, un burato negro que engule unha cantidade inxente de recursos turísticos e culturais, poida sintetizar Galicia; é dicir, ser xustos coa verdadeira identidade galega, compoñer un retrato complexo pero abarcable e non un fresco reducionista, eliminando pezas e matices. Esa é a reflexión a realizar neste momento social, pensar colectivamente se imaxe e identidade (o que proxecto e o que son) coinciden especificamente na organización e difusión do Xacobeo. Non se pode obviar que existe un alto risco de homoxeneización para que todo entre nun mesmo paquete dixerible (en termos ultracapitalistas, para que todo sexa un único producto a consumir, a entender e a gozar). 

De cara a non perder o norte con teorizacións, viaxemos ata a gastronomía. Catro anos atrás, cando este redactor fixo o Camiño Portugués, xa abundaba nas vilas-paradas e nos arredores dos albergues unha resposta idéntica á actividade turística: os menús-peregrinos, pratos económicos e baratos para o peto propio e para o hostaleiro/a do establecemento, menús milimetrados de pasta e carne e patacas fritas. Tan milimetrados que ata se chegaban a repetir noutros municipios, dende Tui ata Padrón, coa súa estética moi similar. Cada parada tiña polo tanto un ecosistema de menús peregrinos adecuado á experiencia e ó tipo de turista, pero non había neles (polo xeral, sempre dende a inxustiza da xeralización, para entendermos) un trazo local diferenciador. O valor cultural desa vila ou pequena cidade, canto menos para o peregrino, estaba ou omitido ou varios niveis por debaixo da narrativa xacobea. 

O perigo iminente, a advertencia, a alarma. Se atopamos isto no feudo do gastronómico, é probable que estea a acontecer noutros tantos campos artísticos, políticos e sociais: unha ultrarrepresentación do Xacobeo 21-22 e da industria asociada a este que solapa e oculta outras historias e narracións de interese cultural e, por extensión, tamén turístico.

O Xacobeo traballa cun elemento moi potente: o mito do país, o conto, a ficción que escribimos e comunicamos ó público internacional.

O Xacobeo traballa cun elemento moi potente: o mito do país, o conto, a ficción que escribimos e comunicamos ó público internacional. É o mito hexemónico para proxectar Galicia ao exterior. Por iso debe contar cun debate público crítico e integrar á cidadanía na súa construción ficcional. // Foto: Juan Gómez

Hai marxe para os efectos positivos, dende logo, tanto no económico coma en representación e espallamento de Galicia fóra dos seus propios límites. O Xacobeo podería contar cun efecto arrastre, un enganche que conducira ós turistas a novas experiencias, outras narrativas locais que teñan profundidade e futuro. Mais os seus efectos positivos, irrefutables, non deben ser argumento para evitar o debate público, colectivo, constante, sobre a xestión turística do Xacobeo. 

Principalmente, porque o Xacobeo xoga con algo moi potente que escapa á construción dos ciclos socioeconómicos sostibles: traballa co “mito do país”, o conto, a marca, a ficción que escribimos e comunicamos ó resto, ó mundo, ó público internacional. É o mito hexemónico que ofrecemos para entender e proxectar Galicia (canto menos, ata o de agora) ao visitante. 

Por isto último non podemos deixar de vixiar, falar e abrir procesos de crítica sen reparos. Están en xogo os elementos idiosincráticos de Galicia. Traballar coa identidade galega e os seus propios símbolos desemboca nunha gran cantidade de retos por asumir na actualidade e no futuro, unha gran cantidade de incógnitas e cuestións pendentes de resolución: ata que punto o Xacobeo adopta dinámicas de traballo bidireccionais? É posíbel que a cidadanía, a veciñanza, os galegos e galegas interveñan e aporten activamente na súa construción turística e cultural? Os plans de futuro deixan marxe á participación da sociedade?

Dende logo, o primeiro paso para respostar a estas preguntas é achegar o debate á esfera pública, sen medo ningún a recoñecer as deficiencias estruturais da marca do Xacobeo. É necesario para poder construír un relato xusto sobre as nosas vilas e as nosas cidades, ata sobre o que nos define coma sociedade. En esencia, precisamos abrir un diálogo real, crítico se fóra necesario, para construír un turismo que coide as nosas cidades e enriqueza tamén as nosas vidas. 


Para máis información sobre o Xacobeo, non vos esquezades de escoitar o noso último podcast!

elipses

Apostamos polo xornalismo participativo

elipses

Apostamos polo xornalismo participativo

1 comentario en “Xacobeo 21-22: o mito que queremos contar ó mundo?”

  1. Pingback: O Camiño de Santiago fílmico: que imaxe ofrece o cine sobre a peregrinaxe a Compostela? | Carretando

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

carretandogalpolitik@gmail.com

carretandogalpolitik@gmail.com